miércoles, 29 de enero de 2014

O legado do home que non podía recordar


Henry Molaison nunca o soubo, pero era un home famoso. Polo menos no ámbito da neurociencia, que lle debe grandes avances no coñecemento da formación da memoria.

O estadounidense, coñecido como o paciente HM., é posiblemente o home cuxo cerebro máis se estudou en vida. O particular amnesia que sufriu tras unha complexa cirurxía -era incapaz de xerar novos recordos- converteuno nun caso único para comprender como o cerebro é capaz de almacenar e evocar as vivencias.

Molaison faleceu en 2008, pero o seu cerebro seguirá axudando aos investigadores, a xulgar polos datos que publica esta semana a revista Nature Communications. Un equipo de investigadores da Universidade de San Diego (EUA) creou un modelo en tres dimensións do órgano que permite estudar con detalle as súas particularidades. Elaborado a partir de 2.400 imaxes de tecido diseccionado, o modelo permite considerar a anatomía do cerebro cunha gran resolución. O obxectivo, aseguran os seus creadores, que xa puxeron o atlas ao servizo doutros científicos, é contribuír a coñecer mellor os detalles da formación da memoria.

Cando tiña 10 anos, Henry Molaison comezou a ter ataques epilépticos que non fixeron máis que empeorar co tempo. A súa calidade de vida era tan mala, que aos 27 anos -corría o ano 1953-, o estadounidense decidiu someterse a unha intervención para intentar reducir o seu impacto. William Beecher Scoville foi o encargado da operación, na que se extraeron partes dos lóbulos temporais mediais, incluídos a rexión do hipocampo.

Os ataques reducíronse drasticamente, polo que Scoville pensou que a intervención fora un éxito. Non obstante, pronto se decatou de que a cirurxía solucionara un problema para carrexar outros.

Ao recuperarse da operación, Molaison empezou a mostrar un comportamento estraño: non recoñecía o persoal que lle atendía habitualmente no hospital e non podía gardar ningún recordo do que sucedera tras pasar pola mesa de operacións.

En cambio, si rememoraba episodios da súa vida anterior, as súas capacidades intelectuais e a súa linguaxe permanecían intactas e si era capaz de aprender a utilizar un instrumento ou realizar unha tarefa.

O fallo afectaba basicamente á súa capacidade para consolidar e almacenar nova información na súa memoria declarativa, a que permite evocar os recordos de forma consciente. "Podía manter unha conversación perfectamente, pero poucos minutos despois ser incapaz de recordar tela mantido ou á persoa coa que falara", exemplifican os autores da investigación que recolle Nature Communications.

Este descubrimento supuxo todo un cambio de paradigma, xa que deixaba claro que, ao contrario do que se pensaba nese momento, a memoria non era algo único que se distribuía ao longo todo o cerebro, senón que había distintos tipos de memorias e que se localizaban en zonas concretas. No caso da formación da memoria a longo prazo, o hipocampo erixiuse como unha rexión clave.

O detallado modelo en tres dimensións xerado na Universidade de San Diego (grazas a que Molaison doou o seu cerebro á ciencia) permitiu a Jacopo Annese e o seu equipo analizar en profundidade as secuelas da operación de Scoville, afondando na información que xa deixaran entrever as distintas resonancias magnéticas ás que sesometío en vida Molaison.

Os detalles son tan precisos, que os científicos localizaron unha lesión descoñecida ata a data e descubriron que o paciente conservaba máis tecido no hipocampo do que se pensaba (se ben estaba desconectado das estruturas próximas).

Nas súas conclusións, os investigadores invitan a continuar estudando un caso que, segundo afirman, marcou a "dúas xeracións na investigación sobre a memoria e con toda probabilidade seguirá sendo no futuro tan emblemático como o é hoxe"

No hay comentarios:

Publicar un comentario